DEREITOS E DEBERES

DEREITOS DOS ALUMNOS E ALUMNAS

Son dereitos básicos do alumnado recoñecidos e aprobados polo Consello Escolar de acordo coa lexislación vixente:

  1. Dereito a recibir unha formación que asegure o pleno desenvolvemento da súa personalidade.
  2. Dereito a que o seu rendemento sexa valorado con criterios de plena obxectividade.
  3. Dereito ó respecto da súa liberdade de conciencia, das súas convicción relixiosas e morais, de acordo coa Constitución.
  4. Dereito ó respecto da súa integridade e dignidade persoal.
  5. Dereito a participar no funcionamento e na vida do centro.
  6. Dereito a recibir orientación escolar e profesional.
  7. Dereito a recibir as axudas precisas para compensar carencias de tipo familiar, económico e sociocultural.
  8. Dereito a protección social no caso de infortunio familiar ou accidente.

 

DEREITO DE ASOCIACIÓN E REUNIÓN

O Consello Escolar recoñece ademais o dereito dos alumnos e alumnas a asociarse e reunirse, de acordo coa normativa legal vixente e considerando o normal desenvolvemento das actividades docentes.

Cara a facer efectivos os devanditos dereitos o Consello Escolar dispón que os alumnos e mailas alumnas poderán elixir os seus representantes para lograr os fins educativos, culturais, deportivos extra escolares, etc , recoñecidos legalmente e que o Consello Escolar ampara na modalidade de delegados ou delegadas de curso, comisións para as viaxes de fin de estudios, actividades extra escolares, delegados de deportes etc.

Sempre en colaboración co titor ou titora do curso respectivo, co encargado das actividades extra escolares, Xefe de estudios ou o Director.

O dereito de reunión contemplarase máis adiante no apartado “Comportamento no centro”

 

DEREITO A UNHA AVALIACIÓN OBXECTIVA DO RENDEMENTO ESCOLAR

Coa finalidade de garantir o dereito do alumnado a que o seu rendemento escolar sexa avaliado segundo criterios de plena obxectividade, considerarase:

  • Tódolos exercicios e probas aplicadas ó alumnado serán conservadas polos profesores ou titores ata o remate do curso académico, agás no caso de que mediando unha reclamación deba conservarse ata o remate do proceso correspondente. Cando algún alumno ou alumna ou ben os representantes legais dos mesmos consideren que as cualificacións foron outorgadas sen a obxectividade requirida, poderán presentar as reclamacións pertinentes nas seguintes circunstancias.
    1. Proposta dunha proba acorde cos contidos do programa.
    2. Aplicación non axeitada dos criterios acordados polo claustro de profesores na avaliación vixente.
    3. Outras circunstancias nas que se estime unha aplicación non axeitada das normas vixentes en materia de avaliación.

Excepcionalmente as reclamacións estarán dirixidas ó Director do centro quen previos os informes que estime necesarios someterá (cando o considere oportuno) a reclamación ó Consello Escolar que poderá ratificarse na cualificación outorgada ou ben estimar a procedencia dunha rectificación.

O Director tomará finalmente a decisión pertinente. Coa finalidade de salvagardar a honorabilidade do profesorado, aquelas reclamacións que o Director estime coma carentes de todo fundamento, e coa sospeitosa intencionalidade de crear conflicto e malestar entre os profesores e o alumnado poderán ser presentadas ante o Consello Escolar coa proposta dunha apertura de expediente sancionador para que se tomen as medidas oportunas (cláusula de salvagarda xurídica da liberdade de cátedra e das competencias do Claustro de Profesores).

 

DEBERES DOS ALUMNOS E MAILAS ALUMNAS

A tenor do disposto na LOXSE “Constitúe un deber básico dos alumnos e as alumnas ademais do estudio, o respecto ás normas de convivencia dentro do centro docente”.

Cando o Consello Escolar estime que a conducta do alumno ou alumna puidera ser constitutiva de falta grave, só poderá impor a sanción correspondente coma resultado da resolución do expediente instruído o respecto e coa garantía da correcta aplicación dos dereitos recoñecidos ós alumnos e mailas alumnas na Constitución e as Leis.

 

DEBERES ACADÉMICOS

Teñen a consideración de deberes académicos os seguintes:

  1. A asistencia a clase.
  2. O cumprimento dos horarios aprobados para o desenvolvemento das actividades do Centro e as orientacións do profesorado en relación coa aprendizaxe e mailo progreso educativo.
  3. O número de faltas sen xustificar que implicará a perda de escolaridade dos alumnos e alumnas será a fixada polo Consello Escolar sen prexuízo da normativa vixente nesta materia.
  4. Os titores advertirán ó alumnado e ós pais/nais ou titores das repercusións que terán as reiteradas faltas de interese ou de asistencia ás clases tanto no progreso educativo coma nos procesos de avaliación continua.

 

O Consello Escolar e a Dirección acordaron en relación cos devanditos deberes o seguinte: 

  • Se esixe a máxima puntualidade nos horarios dentro dunha flexibilidade razoable nos topes de entrada. Quedará ó criterio de cada profesor ou profesora a posibilidade de deixar entrar na clase a aqueles alumnos ou alumnas que chegasen fóra dos topes de entrada ou unha vez que o faga o profesor ou profesora entre clase e clase.
  • No tocante ó comportamento dentro das clases se procurará o máximo respecto mutuo entre o profesorado e o alumnado e tamén entre os compañeiros e compañeiras de clase. 
  • Aqueles alumnos e alumnas que teñan que ausentarse do Centro deberán comunicárllelo ó titor ou titora do seu curso. No caso de resultar afectadas só unhas horas intermedias se lle comunicará ós profesores correspondentes. En tódolos caos o titor ou titora poderá pedir a xustificación coas alegacións correspondentes (Ver ANEXO II: Xustificación das faltas dos alumnos e alumnas) e decidirá aceptala ou ben rexeitala.
  • De acordo co Dereito de Reunión recoñecido na lexislación vixente o Centro garantira o dereito a celebrar Asembleas de Curso sempre que sexan solicitados os permisos coa debida antelación, na forma correcta e sempre que no seu desenvolvemento o alumnado saiba respectar as actividades normais do Centro aconsellándose a celebración das mesmas preferiblemente fóra do horario lectivo.
  • Aquelas decisións tomadas nas Asembleas de Curso que puideran afectar á vida académica deberán comunicárselle ó titor ou titora, ó Xefe de Estudios ou Director cun mínimo de 24 horas de antelación.
  • Se o alumnado precisara de facer unha Asemblea Xeral do Centro deberá convocar en tempo e forma unha xuntanza previa dos delegados de curso. Informado o Director proporcionará o lugar axeitado a tal fin a ser posible fora do horario das clases.

De conformidade coa lexislación vixente establécese que o órgano de participación na vida académica por parte do alumnado é precisamente a Xunta de Delegados de Curso, que estará formada polos Delegados e Subdelegados dos diferentes cursos.